Sunday 05 de May de 2024

Nova incidencia na Vía Ártabra que ocasiona máis un novo atraso


A absoluta incompetencia da Xunta xa provocara a nulidade de pleno dereito, xudicialmente declarada, da segunda fase da Vía Ártabra que vai ocasionar un atraso de varios anos

A apertura ao tráfico de parte do viaduto que liga a Vía Ártabra coa N-VI na parroquia de Iñás non se consumou, non se puido abrir onte, producíndose máis un novo atraso nesta Vía. Adíase sine die, aínda que os prazos para rematar esta infraestrutura está previsto que se cumpran e que os traballos estean finalizados antes do verán (haberá que velo). O que non será posíbel é que os vehículos, tanto os pesados como os lixeiros, circulen polo devandito viaduto, o que facilitaría a normal circulación e a continuidade dos traballos.

Esta nova “incidencia” impedirá, asemade, o tránsito de turismos e camións no nivel intermedio que funciona como rotonda para o cambio de sentido ou para continuar cara ao treito da Vía Ártabra que que vai até o Porto de Lorbé.

Este novo atraso prodúcese após toda a chafallada relacionada co dueto Xunta da Galiza-Vía Ártabra. A teimosía da administración autonómica esgotando os recursos xudiciais até a derradeira vía no Tribunal Supremo, coa conseguinte irresponsábel perda de tempo, non fai máis que reafirmar a absoluta torpeza da Xunta, neste caso dun elemento tan simple e básico como a quen corresponde aprobar un proxecto de trazado, que na Vía Ártabra debería ter sido o Consello da Xunta. Este clamoroso erro propiciatorio da nulidade absoluta de pleno dereito obrigará a reformular integramente o proxecto con graves consecuencias de índole económica e cronolóxica, que limitarán drasticamente a viabilidade e a efectividade dunha infraestrutura estratéxica para a estruturación da comarca, a Vía Ártabra, xa de por si eivada e na cal non se contempla a ligazón coa A6, a liberación de peaxes ou a necesaria protección medioambiental.

A día de hoxe non se ten producido ningunha dimisión.